Abriuse o prazo para inscribirse no programa executiva que formará a mulleres para postos de liderado
Trátase dunha iniciativa “formativa e orientativa” dotada con 200.000 euros e aberta a 200 mulleres de entre 25 e 45 anos
A formación será gratuíta e o prazo de inscrición pecharase o próximo día 24
Galicia é a segunda comunidade autónoma en España que dispón dun proxecto destas características
O obxectivo é por instrumentos ao servizo do colectivo feminino para paliar a “escasa presenza de mulleres en postos de responsabilidade”
Santiago, 9 de decembro.- Mañá comeza o prazo de inscrición para participar no programa autonómico Executiva que formará a mulleres para postos de liderado e decisión. Así, o prazo de admisión de candidaturas iniciarase ás 12,00 horas de mañá e rematará ás 12,00 horas do próximo día 24 de decembro.
A iniciativa, ofrecerá formación gratuíta a 200 mulleres para postos de liderado e decisión. Deste xeito, Galicia convértese na segunda comunidade autónoma que dispón dun programa destas características.
O programa, que empezará a executarse o próximo mes de febreiro, vén a dar cumprimento ao compromiso adquirido polo Goberno galego de poñer en marcha medidas que favorezan o acceso das mulleres a postos de liderado e decisión. Para levar a cabo este plan, a Xunta investirá un total de 200.000 euros,
Desta forma, a través do plan, a Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha instrumentos para paliar un asunto tan longamente denunciado nos últimos anos como é a escasa presenza de mulleres en postos de responsabilidade.
Colectivos participantes
Para solicitar a admisión ao programa será necesario cumplimentar o formulario de inscrición, que se poderá atopar na páxina web do programa www.programaexecutiva.org. O departamento autonómico abrirá unha lista de espera para que no caso de haxa cancelacións se poidan ir completando as vacantes.
En concreto, pódense definir como destinatarias as mulleres de entre 25 e 45 anos, con responsabilidades de tipo directivo de diferentes niveis. Tamén poden ser beneficiarias as emprendedoras autónomas, xerentes de pequenas ou medianas empresas, ou aquelas que queiran poñer en marcha o seu propio proxecto. Inclúese, ademais, o perfil daquelas mulleres que pretenden un impulso profesional, unha promoción ou un cambio de traxectoria (mulleres que ben porque tras un período fora da actividade profesional queren reincorporarse ao mercado laboral o ben desexen unha promoción ou un cambio de traxectoria). Para este último perfil non existe límite de idade.
Os obxectivos específicos
Os obxectivos específicos son sensibilizar ás participantes sobre a importancia de asumir o rol directivo a través do desenvolvemento das competencias directivas do liderado; avaliar a situación da partida do colectivo de referencia respecto ao perfil de competencias directivas e ou seu estilo de dirección e capacitar e desenvolver ás asistentes nas principais competencias directivas de liderado, a través de seminarios e obradoiros de grupo de formación e de actividades de coaching individual.
Así mesmo, búscase con este plan mellorar o autocoñecemento de cada participante e facilitar a adquisición de compromisos de mellora.
Formación presencial e on line
No que respecta ao desenvolvemento da iniciativa, consistirá en accións formativas e orientativas de carácter presencial e formación on line. Está deseñada de modo que as participantes irán accedendo a fases máis específicas da formación en función das súas habilidades e capacidades, co fin de fomentar ademais da competitividade o liderado empresarial.
Na primeira fase, as 200 mulleres seleccionadas terán acceso a un seminario de 8 horas lectivas. Estas actuacións baséanse na motivación e nunha aproximación ás habilidades básicas de liderado. Tras as probas deste seminario, haberá unha selección, coa que das 200 participantes iniciais, un total de 80 pasarán á seguinte fase do programa, que serán obradoiros de traballo, de 20 persoas casa un. Neles tratarase unha competencia de liderado concreta.
Rematados estes obradoiros, farase unha selección de 5 mulleres de cada grupo. Deste xeito, só 20 participantes chegarán á última fase, consistente na titorización ou ‘coaching´ individual. Polo tanto, esta parte da formación está deseñada para profesionais de “moi alto potencial” e traballará no desenvolvemento de capacidades de liderado, con accións individuais e personalizadas.
Os profesionais que impartan o programa Executiva serán relatores especializados no desenvolvemento do liderado; profesionais vinculados ao entorno profesional; expertos no aprendizaxe de habilidades e expertos en coaching e orientación profesional.
En definitiva, todo o programa é unha acción específica para a adquisición de habilidades directivas por parte das mulleres, co fin de facilitar o seu acceso a postos de responsabilidade.
O ‘Programa Executiva’ non pode considerarse de forma illada. Así, entre outras accións postas en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar, destacan a Marca galega de excelencia empresarial en igualdade e de elaborar un catálogo de empresas obrigadas a facer plans de igualdade. Ademais, estase a definir, no diálogo social, o Plan de emprego feminino.